Saturday 18 de May de 2024

O Concello acometerá 135 actuacións de mantemento nos centros educativos da Coruña para adecualos para o novo curso


Durante o período escolar atendéronse un total de 1.840 incidencias e chegouse ás case 2.000 coas programadas para a época estival

O Concello da Coruña programou para este verán un total de 135 actuacións de mantemento nos diferentes centros educativos da Coruña co fin de dar solución ás incidencias comunicadas dende os colexios e escolas infantís e preparar os centros para o inicio de novo curso escolar. Durante o período escolar atendéronse un total de 1.840 incidencias, chegando ás case 2.000 coas programadas para a época estival.

Algunhas menores como arranxos de persianas, cisternas, luminarias ou cambio de mobiliario en mal estado así como outras de maior calado.

Entre elas a substitución do chan das aulas de infantil do CEIP Manuel Murguía, rematada a comezos deste mes e que contou cun orzamento de 9.535,02 euros. A intervención consistiu no cambio do chan vinílico das tres aulas de infantil, unha incidencia comunicada dende o propio CEIP e demandada polas familias do alumnado.

A esta súmase o peche da contorna do CEIP María Pita, tamén demandada polas familias así como polos veciños e veciñas do barrio. A intervención rematou este pasado mes de xuño e contou cun orzamento de 28.918,65 euros. Consistiu na retirada da malla e postes existentes para colocar un novo sistema de peche con reixas e paneis ríxidos, evitando así o gabeo cara ao patio do centro.

Tamén se acometerán traballos de mantemento nas diferentes áreas de xogo infantil localizadas nos CEIP de acordo cos parámetros de seguridade (axustes de estruturas, reparacións de solo de caucho…) e renovarase unha das estruturas de xogo no CEIP María Pita, xa que a actual está en estado de deterioración.

O calendario de actuacións programadas correspóndese coas incidencias que non puideron ser resoltas no período lectivo, ben pola dificultade dos traballos en presenza do alumnado ou porque se comunicaron nas últimas datas do curso. O Goberno de Inés Rey destinou un total de 2.569.789,04 de euros no pasado mandato a intervencións nos centros educativos, co que multiplicou o investimento respecto ao ano 2019.